Sobre nos:
A Sociedade Coral Polifónica de Melide é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no mes de marzo de 1982 a iniciativa do Concello de Melide. Toma como base o antigo coro existente na vila nos anos 50, co único obxectivo de fomentar e divulgar a cultura en tódolos seus ámbitos, mais con especial atención á divulgación da arte da música, albergando no seu seo á coral que lle da nome á entidade. Desde o momento do seu nacemento até a actualidade vai desenvolver a súa actividade de xeito ininterrompido. Inicia a súa camiñada nas festas do San Roque de Melide dese mesmo ano 1982 e a partir dese momento realiza unha longa viaxe pola xeografía galega, mediante intercambios con outras agrupacións e convenios asinados cada ano coa Deputación provincial para actuacións na provincia da Coruña (Rede Cultural), con FECOGA ou mesmo coa Xunta de Galicia para a participación en certames diversos. Así mesmo, conta co apoio do Concello de Melide para o financiamento das actividades na vila. Sen esquecer nunca as súas orixes, leva participando con asiduidade dende a súa fundación en actos e acontecementos solemnes como a Festividade de Corpus, o Día da Inmaculada ou nas tradicionais festas do San Roque, e colaborou coa Orquestra de Cámara Melidán en concertos de Ópera ou Zarzuela. Alén de Melide, actúa nas Aulas de Cultura de Santiago e A Coruña, nos programas Ruada e Galicia Enteira da TVG ou na Radio Galega coa gravación do CD “Corais do Camiño de Santiago” ao igual que a participación no disco "Música en Melide" , editado tamén pola CRTVG. A estrea en galego da misa alemá D-782 de Franz Schubert, que tivo lugar na igrexa parroquial de Melide no ano 1997, completa as gravacións discográficas da coral.
Durante todos estes anos, foron moitas as actuacións realizadas polo territorio galego. Mais a Coral Polifónica de Melide non só leva o nome da vila por toda a comunidade, senón tamén fora dela, viaxando a diferentes vilas e cidades de España e Portugal: Castrojeriz (Burgos) no ano 1992 para a participación nos actos de irmanamento entre esta vila e Melide, Madrid no ano 1993 por mor dos actos de inauguración da rúa que leva o nome de Melide, Sestao no ano 1995 nun encontro cos “Fillos de Galicia” nesa localidade basca, Matosinhos, na veciña portugal, organizando un agarimoso encontro co Orfeao de Matosinhos, que posteriormente se achegaría a Melide.
No ano 2006, coincidindo coa festividade de San Pedro, a coral recibe a Medalla de Ouro do Concello de Melide, máxima distinción municipal a persoas e institucións da vila. Continúa a facer saídas ao exterior para mostrar a súa música e tamén para que os seus socios desfruten de actividades de ocio cos membros do colectivo.
No ano 2007 organiza un concerto especial con motivo do 25 aniversario da súa fundación, que reuniu todas as xeracións de coristas para cantar "todos xuntos" e celebrar esta data tan especial para o colectivo e a vila de Melide.
A Coral Polifónica organiza dende hai 34 anos a Semana da Música da Terra de Melide, evento singular que ano tras sitúa a Melide no máis alto do eido musical galego.
Así mesmo, tamén realiza o tradicional Festival de Panxoliñas no Nadal e desde o ano 2016, un festival de habaneras .
Conta cun amplo repertorio de música sacra e profana en galego, castelán, latín e incluso con algunha incursión en inglés, italiano ou ruso, repertorio que é posíbel mostrar grazas aos coñecementos e esforzos dos directores que ao longo dos máis de 40 anos de historia da Coral estiveron ao súa fronte. Na actualidade, a Coral Polifónica de Melide segue a introducir novas pezas e técnicas ao seu repertorio, que evoluíu notabelmente desde a chegada de Manuel Yañez como director, coa introdución de 18 novos temas no seu primeiro ano e producindo un concerto na festividade de San Roque onde se fixo unha posta en escena e concerto de "melodías do mundo", acompañados co grupo Sauti Yangu Tu.
Os nosos directores
Naceu en Vila de Cruces no ano 1929, formándose no Seminario de Lugo, onde iniciou a súa paixón pola música, chegando a ser director da Escola Cantorum. Se ben a súa verdadeira vocación era a sacerdotal, sendo sacerdote en Sarria, Os Ánxeles e Castro-Cazallas, nunca deixou de lado o seu amor pola música, sendo compositor de numerosas obras de polifonía de tipo relixioso. Foi autor da 1ª misa en castelán cantada en España no ano 1957.
Dirixiu a Coral Polifónica de Melide dende o seu nacemento, non sendo só mestre senón o seu máis grande admirador. Foi un gran compañeiro e a persoa que día a día os animaba. O 19 de xaneiro de 1996 apagouse a súa voz para sempre.
De Visantoña, Santiso. Pertencente a Familia Pazos Reyes, cunha ampla traxectoria musical na zona, sendo esta unha peza principal para o desenvolvemento da Banda-Escola de Música de Visantoña. Director desta formación, considerada como unha das mais antigas da provincia, dende o ano 1994 ata o 1998 dirixe a Coral Polifónica de Melide.
Nado en San Petesburgo, comezou os seus estudios musicais en Samara (Rusia), que continuou no conservatorio de música da súa cidade natal, especializandose no contrabaixo. Dende 1974 a 1992 foi membro da orquestra sinfónica de San Petesburgo. Compoñente ata a actualidade do Cuarteto Moriatov, traballou no Mariinsky Theatre e foi director da Coral Polifónica de Melide durante mais de dúas décadas, até o verán de 2023.
Nado en Viveiro no ano 1972, comeza a súa carreira musical aos 6 anos no Consevatorio Superior de Música da Coruña coa especialidade de piano e posteriormente de saxofón co mestre Narciso Pillo Guerreiro, licenciandose neste instrumento pola Royal Schools of Music.
Especialízase igualmente no ámbito direccional, realizando diversos estudos de práctica orquestral, análise musical e instrumentación para banda, música de cámara, ente outros, con mestres como Daniel Leskovic, Gustavo Fontana, Jesús Pérez Perazzo, Evan Feldman ou Gian Carlo de Lorenzo entre outros. Finaliza os estudos de dirección de orquestra na Escola de Dirección de Orquestra, Coro e Banda cos Mestres José Miguel Rodilla e Juan José Navarro.
Por outra banda, a súa inquietude dende mozo pola percusión, influencia paterna, lévao ata Madrid, para realizar estudos da rama de Percusión Latina co mestre Pau Martínez e percusión brasileira con Fernando Marconi.
Funda a Escola de percusión “Perkusiona” e crea distintas baterías de percusión e de recreación histórica.
Desde hai máis de 20 anos dirixe a Escola Municipal de Música de Guntín, a banda e a coral polifónica desta localidade, alén da Coral Polifónica de Taboada e a Coral Polifónica de Melide.
Distincións
O 22 de xuño do 2006, a corporación municipal da vila aproba por unanimidade a concesión do máximo distintivo municipal á Coral Polifónica de Melide, como "recoñecemento dos éxitos acadados ao longo de toda a súa historia, e agradecéndolle que pasee con harmonía o nome de Melide en todos os lugares nos que actuou" (Libro da Coral). O 29 de xuño desde mesmo ano, día do patrón da vila, San Pedro, entrégase o dito distintivo nun acto celebrado na casa do concello.
Na actualidade, compartillan dito distintivo con outras persoas e agrupación de especial relevancia para a vila como Protección Civil, Cáritas Parroquial, Don Leonardo Miguelez, Don Jesús Carlos Pampín Rúa ou os nosos compañeiros Os Melidaos (2025).
A directiva.
A presidencia da entidade no periodo 2024-2026 está en mans de Inmaculada Castro Saavedra, quen xa exerceu este cargo noutras ocasións. Así mesmo, esta xunta diretiva está composta por María Vilariño Casal, Milagros Regueiro Mosquera, María Ángeles Mejuto Quintás, María Sol Carreira Río e Concepción Fisteos Valiño, que exercen os cargos de vicepresidencia, tesourería, secretaría e vogais.
Agradecer a Joaquim Vázquez, técnico de Normalización Lingüistica do Concello de Melide polo seu bo facer e disposición para comprobar esta web.