Melodías do mundo foi o título do noso último concerto de San Roque. Á diferenza do resto de edicións, este ano apostouse pola creación dun espectáculo musical onde a percusión foi un elemento principal. A colaboracónn da agrupación Sauti Yangu Tu, dirixida tamén por Manuel Yáñez, o noso director, de quen saíu a idea deste espectáculo, foi fundamental para a realización do evento. Non só mudaron os cantos (o repertorio), senón que tamén o emprazamento: a praza do Convento volveu a ser o escenario do concerto de San Roque da Coral Polifónica de Melide, fixemos un pasacalle antes da actuación e este evento destacou tamén polos efectos sonoros, ambientación...
Deixamos un breve resumo en imaxes e un vídeo mais completo ☟
O concerto de San Roque ten un significado moi especial para esta agrupación. Aló polo ano 1982, nesta festividade, a Coral Polifónica de Melide comezaba a cantar para os melidaos nun concerto celebrado na Igrexa Parroquial. Así, comezou unha historia que se repetiu ano tras ano. No 2007, a coral cumpriu 25 anos. Para festexar as nosas vodas de prata, realizouse un concerto especial con todos os membros do colectivo, a mesma data e no mesmo lugar que facía 25 anos.